Gústanme os meus inimigos
porque me fan medrar,
os ceos estrelados
cos luceiros de cara.
Gústame a ramaxe
das folliñas do outono.
Non me gustan
os que confunden
o prezo e o valor.
Non me gusta o Futuro
nin os fillos de saldo.
Gústanme as pedriñas
sementando o camiño.
Gústanme moito
as árbores
que espallan
as súas sementes.
Gústanme as que crecen
avultadas na fraga
e mailas que se arrincan
e devecen no cume.
Non me gusta a viaxe
ó país dos ananos,
pero si Celsoemilio
e os homes sen acougo.
Gústanme
moito e moito
os paraugas estraños,
coas variñas esveltas
nos cadros de Magritte.
Se abríde-lo castelo
da linguaxe encantada
e poñede-las palabras
sinxelas, sen rancor,
iso gústame moitísimo,
case como
os nomes en flor.
Gústame moito
o río que vai rindo
coas crenchas arredor.
Non me gusta Manrique
cando di
que o mar é a gadaña;
para min o mar é a vida
e anda sempre
de vacacións.
Gústanme as mazarocas
pendurando
do alpendre.
Gústame o maraxá,
que debuxou
o mapamundi,
que ficou nun zigurat
lembrando
os seus soños
que tiña de rapaz.
Gústame aquel poeta
devecido e peneque,
o que ás veces salouca,
e vai acompañado
da súa sombra e dor.
Gústame a sentinela
vixiando os argazos,
a tristura dos peixes.
Gústanme
as íngoas das mulleres
e o peito do valor.
Non me gusta nada
a morte que adoece,
nin a morte finxida,
coa pelica da envexa.
Non me gustan
tampouco
as casas do Notario,
o mármore dos sapos
que suliñan o Amor.
Non me gustan
as Letras maiúsculas,
as Ideas maiúsculas,
os Países maiúsculos,
os papeis sen rubor.
Gústanme moito os fíos
dos cometas azuis,
oí-lo repenique
das cegoñas.
Non me gustan
os museos,
agás aquel de Salinger.
Dos xogos infantís
moito me gustan
as imaxes da Oca:
Os dados azoantes
atordando as mans.
O cárcere sesudo,
na ruína, na podremia
dos seus muros rexos.
Os hóspedes falando
coa conversa miúda.
E non me gusta nada
–xa o dixen-
a envexa
coa pelica da morte.
Non me gustan
nada nada
os espacios pechados.
Gústanme,
sen embargo,
as roldanas dos pozos,
afondar pensamentos.
Os finais felices
non me gustan,
parécenme mentireiros.
Gústame o labirinto
e os fíos das ariadnas.
Se me gusta Teseo,
prefiro o minotauro.
¡E amo tanto
a Picasso, a Chirico,
as caixiñas de música,
as de xastre,
os soños regulais!.
Gústanme
moito e moito
os poliedros toliños,
as tintas en po,
os corpos de latón.
Gústanme os saramagos
e as flores
dos escombros.
Gústame
emprega-la lingua
das viravoltas,
peniscar cos meus bicos.
Gústanme
os ventos
que arrecenden,
os frouxos, os sieiros,
os que fan gretas
nas miñas conviccións.
En fin, gústanme
tódalas viaxes,
os homeros,
as odiseas sen ítacas.
E non me gusta nada
se-lo escravo do Tempo,
os ollos-calendario,
os inhóspitos,
as trampas perfumadas,
a borra nas lacenas,
e os cálculos
sexan do ril
ou do meu Amor...