Puiden vencer aquela vez a morte,
cando o ceu se abateu sobre nós en forma de metralla
e o cheiro animal do sangue
ocultou para sempre o dos limoeiros na casa dos meus pais.
O ceu aproximou-se até eu o tocar cos dedos
e estava vivo e quente como o ventre das feras,
pero era enxofre e mancava os calcañares
con arrestas e cal.
Despois houvo un siléncio entre os meus sete anos
aquel pátio onde á tarde brincava
perseguindo os insectos.
Sorrin cando me fotografou co meu gato Kamal entre os escombros
un dos home franceses,
sorrin e avancei altivo como os guerreiros e os profetas
porque as cancións da avoa din que a patria está perto
e a vitória non tarda.
Resistin aquela morte e outras mortes
e non ollei atrás
e cando os nosos soldados saíron expulsados da cidade,
dei-me presa en medrar
e fun soldado
e erguin contra Israel o brazo e a razón,
o peso dos meus soños
e unha pátria a cumprir-se.Pilar Pallarés
(Neno Palestino con gato despois do bombardeo.
En Beirut, hai anos. Dunha foto da prensa)
(Este poema dialoga co que Pilar Pallarés
publicou no
colectivo "Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a
Palestina". Editorial Fundación Araguaney, Santiago 1989.)
Foto 2
Resistiches aquela morte e outras mortes,
mais non, non se cumpriu a patria.
Resistiches aquela morte e outras mortes,
mais acaso houbo unha que che axeou os soños
e as cantigas da avoa afogaron no eco.
Porque tal vez agora a foto é a do home
que aperta un neno morto, e as pupilas
non che caben nos ollos pola rabia.
Toda a desolación, a de hoxe e outrora,
é o rostro dun neno roto pola metralla.
Os muros derribados, a madeira que arde,
os cascallos da casa, os tanques de Israel
pesan menos que a vida que che fuxiu nos brazos.
E outra vez un fotógrafo: non lle podes sorrir
como a aquel con Kamal, que as cantigas da avoa
afogaron no eco.
Foto 3
Non quixen afacerme ao costume da dor
nin á resignación que amaña case todo.
Reneguei da memoria porque sabía a sangue,
trousei días e febres, regresei ás orixes.
Agora estou de novo dentro da miña nai,
encrequenado agardo o parto cara á vida.
(O home do retrato ten un lóstrego morto
baixo as cellas e ri infindamente lonxe)
Nacerei nunha terra que deita leite e mel,
escoitarei o son que danza a bolboreta
porque o mundo atropou o elixir da paz
e o año e o león sestean polos prados.
Baixo cedros do Líbano estrearei o amor,
terei fillos e flores e unha casa encalada.
O vento traerá as cantigas da avoa
que arrecendeu a mirra. ¡As cantigas da avoa...!
Marica Campo
POETAS PALESTINOS Desde que a voz amiga de Villán
me achegou as palabras
de Darwish, al-Qasim, Tuqan,
Yubrán e Zayyad,
amo as palabras palestinas
que buscan a morada
dos soños libres.
Rotundas e cargadas
dun perfume sutil a estrañas rosas,
coa forza combativa das espadas,
coa amargura que deixan as batallas
perdidas ou gañadas,
amo as palabras palestinas
que creou a xinea milenaria
e agroman dos poetas cando a terra
pide ser libre
e patria. Helena Villar Janeiro
(Ría de Arousa, no outono de 2003) |